martes, 31 de marzo de 2020

114 Mulleres Galegas

Clcia na imaxe para ver a imaxe de 114 valores galegos
Clica na imaxe ou aqui para velas. Hainas para todos os gustos:
Emmprendedoras  -  Intelixentes
Innovadoras  - Avanzadas
Tecnolóxicas  -  Traballadoras
Atrevidas  -  Soñadoras
Tenaces  -  Creativas
Sacadas dun traballo do IES A Basella (Feito sobre unha Táboa Periódica). 

15 curiosidades sobre Galicia


luns, 30 de marzo de 2020

O Papagaio

Clica na imaxe
O PAPAGAIO é un xornal para a xente miúda, impreso en papel reciclado e a cor. Non contén publicidade, ten periodicidade mensual, e ao longo das 12 páxinas que o compoñen trata temas de ciencia, ecoloxía, arquitectura, banda deseñada, literatura... Os contidos das seccións están supervisados por especialistas na materia e ilustrados por diferentes autores e autoras. 
O obxectivo do xornal é que as nenas e nenos se interesen pola ciencia, a ecoloxía, a historia ou a arte, entre outras, dunha forma amena e divertida.

domingo, 29 de marzo de 2020

As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas


Libro homenaxe a Carlos Casares no Consello da Cultura Galega (Ver)

As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, a primeira e única peza teatral de Carlos Casares, considerada unha obra fundacional do teatro fantástico e humorístico da literatura infantil e xuvenil galegas. A fantasía e o humor van da man da crítica social neste texto que naceu, segundo o propio autor, fronte á literatura infantil de príncipes e princesas.

Teatro en PDF na fundación Manuel María


As abraiantes aventuras de Mariña

Clica para ler o conto
Clica para velo en PDF


Índice dalgunhas lecturas en galego ( contos, lendas ...)


34-Falar
(2019-20) Traballos
42-Mans

52-O Tío Miseiras (L. Pose)
54-O verbo (L. Freire)
60-Urco
66-Xan (R. De Castro)
69- Os contos da miña escola
(lect.comprens)

73- O Papagaio (Comic)






sábado, 28 de marzo de 2020

Badil e lomedro

Badil: Pa que se emprega para remexer e recoller as brasas da cheminea e dos braseiros.
"Levar co badil nos dedos". "Levar co badil nos lomedros". Saír mal parado dun asunto, saír co rabo entre as pernas.
SIN: pa, paleta, recolledor.
Lomedro: Parte das extremidades inferiores das persoas e das posteriores dos animais que está constituída polo fémur.
SIN: coxa, fémur.

Cucaña e zoadeira

Cucaña
Zoadeira
Cucaña: Pau esvaradío, chantado verticalmente, polo que se ten que agatuñar para coller ó premio atado no extremo.
Zoadeira: Este brinquedo tamén se coñece co nome de "Dalle que dalle"
Utilizando un botón, os pequenos terán que pasar un amalló polos furadiños e atar os dous extremos para que o botón fique preso.
Para probar se funciona, deben coller con dous dedos os extremos e darlle unhas voltas ao botón, que comezará a xirar e zoar sen parar, até que a/o cativa/o canse.
Zoar: 1. Facer unha cousa un son ou ruído xordo e rouco. 2. Facer ruído o vento ó soprar fortemente; asubiar, fungar, rebilcar, zumbar. 3. Producir as abellas ou outros insectos un ruído continuado e persistente; zumbar

A poesía é ...

A poesía é a voz do amor,
dos ósos e do sangue.
O canto do tempo que flúe
no río máxico da memoría ...

Con primaveras que cobren
as dores da alma.
Non somos nada sen tenrura,
sen a palabra que tece a vida:
pasión, soidade, morte e dozura.

REGRAS BÁSICAS DO RUGBY


- Non se permite pasar o balón cara a adiante. Tampouco se permite que o balón caia cara a adiante.

- O balón só pode avanzar levándoo ou pateándoo cara a adiante.
- Calquera xogador no campo de xogo pode avanzar co balón.
- Un xogador “ tacleado” (derrubado) debe pasar ou soltar inmediatamente o balón. O xogador que derrube debe tamén soltar inmediatamente o xogador derrubado.
- O rugby é un deporte continuo. Non se prevén interrupcións (a menos que haxa unha lesión.).
- Unha melee (scrum) reinicia o xogo logo dun pase cara a adiante ou caída od balón capar diante(knock-on). Tamén se forma unha melee noutras ocasións, menos frecuentes.
-Un xogador fora da liña reinicia o xogo cando o balón sae do terreo de xogo.
- Un ensaio é outorgado cando o balón é levado mais alá a zona de anotación e apoiado no chan.
- 5 Puntos outórganse ao realizar un ensaio
- 2 Puntos outórganse ao converter a patada adicional logo dun ensaio.
- 3 Puntos outórganse ao converter un gol de campo (penal) logo de cometida unha infracción.
- 3 Puntos outórganse ao converter un “drop”(patada de bote-pronto) en xogo aberto.
- Despois de que se converte un ensaio (try) ou un penal, o balón é pateado cara ao equipo anotador (agás en rugby con sete xogadores por lado).

- O árbitro é o responsable de facer respectar o regulamento.
- Xógase en dous tempos continuos de 40 minutos cada un cun intermedio de 5 minutos.
- O tempo lévao o árbitro principal e debe detelo soamente cando haxa lesións.
- Hai dous xuíces de liña que axudan a indicar cando o balón o a persoa que o leva saen do campo.

A lenda dos grans de trigo


Existe unha lenda que di que fai moito tempo existiu un rei que era moi bo, pero unha vez loitando contra un reino inimigo perdeu ao seu fillo nunha batalla, e por tal motivo púxose moi triste e illouse no seu castelo revivindo unha e outra vez a batalla onde morreu o seu fillo, recreándoa de moitas formas, e en ningunha podía salvar ao seu fillo e ao seu reino ao mesmo tempo. Un mozo que sabía a dor que o rei sentía pediu unha entrevista co rei, logo de moitos intentos logrou que o rei lle concedese a entrevista, o mozo mostrou ao rei o xogo do xadrez e ensínolle a súa similitude cunha batalla real. O rei que era un gran amante dos plans de guerra non tardou moito tempo en entender o xogo, o mozo ensinoulle ao rei como era de importante sacrificar algunha peza para lograr o obxectivo (facéndolle ver que o sacrificio que o seu fillo fixera foi o mellor para o reino). O rei comprendeu o seu erro e acepto a morte do seu fillo, e díxolle ao mozo que lle daría a recompensa que pedise; o mozo pediulle a seguinte recompensa pola primeira casa do taboleiro quero un gran de trigo, pola segunda casa quero 2 grans de trigo, pola terceira casa quero 4 grans de trigo, pola cuarta casa quero 8 grans de trigos e así sucesivamente polas demais casas, o rei ordenou que lle entregasen a recompensa inmediatamente e agregou que era un pedido moi pouco digno da súa xenerosidade; os sabios do rei ao tratar de atopar o numero que correspondía á cantidade de grans de trigo déronse conta que era un numero moi grande de imaxinar neses días. Así foi como o rei aprendeu outra lección a ser prudente , e pediulle ao mozo que quedase no castelo e traballase como un dos seus asesores...

Historia da orixe do xadrez

O xadrez ten a súa orixe na India, máis concretamente no Val do Indo, e data do século VI d.C. Orixinalmente coñecido como Chaturanga, ou xogo do exército, difundiuse rapidamente polas rutas comerciais, chegou a Persia, e desde alí ao Imperio bizantino, estendéndose posteriormente por toda Asia. A maioría dos historiadores coinciden en situar a orixe do xadrez na India no século VII. O mundo árabe, adoptou o xadrez cun entusiasmo sen igual: estudaron e analizaron en profundidade os mecanismos do xogo, escribiron numerosos tratados sobre xadrez e desenrolaron o sistema de anotación alxébrica. O xogo chegou a Europa entre os anos 700 e 900, a través da conquista de España polo Islam, aínda que tamén o practicaban os viquingos e os Cruzados que regresaban de Terra Santa. Nas escavacións dunha sepultura viquinga achada na costa sur de Bretaña atopouse un xogo de xadrez, e na rexión francesa dos Vosgos descubríronse unhas pezas do século X, de orixe escandinava, que respondían ao modelo árabe tradicional. Durante a idade media España e Italia eran os países onde máis se practicaba. Xogábase de acordo coas normas árabes (descritas en diversos tratados dos que foi tradutor e adaptador Afonso X o Sabio), segundo as cales a raíña e o bisbo (alfil)l son pezas relativamente débiles, que só poden avanzar de casa en casa. A era moderna do Xadrez, con todo, pode ser situada no século XV, onde as pezas obtiveron a forma que teñen actualmente. O primeiro analista serio do xogo foi o español Ruy López de Segura (Século XVI), quen en 1561 describiu as regras que aínda se usan hoxe. O primeiro regulamento impreso foi publicado por Francois Philidor co titulo “Analyse du jue deas echecs “(1749), que foi traducido a moitas linguaxes e axudou á difusión do xogo. 
Durante os séculos XVI e XVII o xadrez experimentou un importante cambio, e a raíña converteuse na peza máis poderosa, en canto ao seu movemento se refíre, do taboleiro. Foi entón cando se permitiu aos peóns avanzar dúas casas no seu primeiro movemento e introducíronse a regra coñecida como en passant ('ao paso'), que permite capturar o peón que segue a súa marcha e non come a ficha que se lle ofreceu por unha determinada estratexia, e o revolucionario concepto do enroque. Os xogadores italianos comezaron a dominar o xogo, arrebatándolles a supremacía aos españois. Os italianos, á súa vez, foron desbancados polos franceses e os ingleses durante os século XVIII e XIX cando o xadrez, que fora ata entón o xogo predilecto da nobreza e a aristocracia, pasou aos cafés e as universidades. O nivel do xogo mellorou entón de xeito notable. Comezaron a organizarse partidas e torneos con maior frecuencia, e os xogadores máis destacados crearon as súas propias escolas.

Os dereitos dos nenos




Bicarelo e brelo

Bicarelo: Parte máis alta dunha construción ou planta.
Brelo: Póla

"No bicarelo do bico do brelo
canta o paxariño.
No mesmiño bicarelo
do bico do brelo."

Uxío Novoneyra

Vagalumes na escuridade

Un conto de animación á lectura. Dicir que os vagalumes teñen moitas formas de chamarse, aquí atoparás unhas cantas. "Cada vez que meu irmán e eu liamos un bo libro, acendíase no noso xardín unha luciña: a luz dun vagalume. E como aos dous nos enchía de ledicia a lectura, en pouco tempo o noso xardín veuse asolagado de pequenas luces douradas. Era un auténtico tecido vivente e mesto – cada talo de herba trocado nunha pequena lapa de lume- o que nos facía moita compañía nas tardiñas e solpores de inverno. Nin meu irmán nin eu tiñamos a mínima sospeita de que, durante as horas que gozabamos da nosa lectura, se desenvolvese moi preto de nós unha auténtica loita. Endexamais se nos pasou pola imaxinación que os nosos *lucecús, empregando as súas lufadas de luz como únicas armas , estivesen empeñadas en loitar contra a escuridade, que de sempre ameaza con afundir ao mundo. Primeiro os nosos veciños e axiña o resto dos habitantes da aldea comezaron a amosar estrañeza e a preguntarse por qué tódolos *cagalumes preferían pasar a noite no noso xardín, deixando na escuridade ao resto da aldea. Por fin, un día, meu irmán reveloulles o noso segredo :
- Somos nós os que atraemos as *lucernas ao noso xardín -dixo- . Facémolo grazas ós libros que lemos. A continuación expliqueille: - Todo bo libro é un *luceiro que alumea na escuridade e endexamais se apaga. Os nosos veciños prestaron atención as nosas palabras e comezaron tamén eles a buscar bos libros. De alí a pouco tempo, xa se formaba cola para entrar nas bibliotecas da aldea. Vellos e mozos, homes e mulleres pedían libros. Comezara a hora marabillosa da lectura. E mira ti por onde, os xardíns anegáronse de *vellas das papas . Balcóns, corredores e tellados estaban cheos de pequenas luces. As follas das árbores, as liñas das estradas eran brillantes. A torre da igrexa escintilaba na escuridade. E entón .... Entón a constelación do libro descolgouse do ceo e pousou silandeiramente na praza da nosa aldea. Era unha agradable constelación , formada por luces delicadas, trémulas, que invitaban aos *vermes da noite. Descendían como tódalas cousas de valor eterno: o amor, a bondade, a identidade, a liberdade, a beleza, a tenrura, a xustiza, e a outros tantos valores que engaden profundidade ás nosas vidas e dan un significado ao noso atropelado paso a través do planeta. Meu irmán e eu seguiamos sendo entusiastas dos libros. A lectura gustábanos con tolería. Teriamos razón? Que pensa a xente? Sobre todo, que pensas ti?"

Vocabulario:
Asolagado, anegado: Inundado. .
Escintilaba: Emitir intermitentemente raios de luz.
Silandeiramente: Silenciosamente Lufada: Golpe de vento.
Trémulas: Indecisas, con medo. Mesto: Basto, espeso.
Outros sinónimos de vagalume:
* Corcoño, * Vella do caldo,
* Coroceiro, * Vella dos valados

Vagalume


Vagalume: insecto coleóptero (Lampyris noctícula) de notable diferenza morfolóxica entre o macho e a femia; esta presenta un apéndice fosforescente na parte inferior dos segmentos abdominais.

Chama moito a atención cando se ve de noite. O que tamén chama a atención é a cantidade de sinónimos ou variantes que hai por toda Galicia. Se ledes o conto, "Vagalumes na escuridade" atoparédelas, intencionadamente, todas as que aquí expoñemos: Corcoño, vella do caldo, coroceiro, vella dos valados, vella das papas, luceiro, vermes da noite, cagalumes, lucernas, lucecús. Haberá algún sinónimo máis?
Cal é o nome que máis vos gusta?  Artigo relacionado

Madia leva

Madia leva: 'defecto, característica negativa que se lle atribúe a alguén'. O Gran Dicionario de Xerais recolle as dúas acepcións: madia e madía. En galego é frecuente, nas aldeas, escoitar a expresión `madia leva! co significado de 'así calquera'. (Disque María vai aprobar todas. -Madia leva!, coa nai que ten).
Como interxección preséntase tamén con acento gráfico: madía leva (levas...)!, madía ten (tes...)!, cos significados de 'xa o creo', 'ten boa sorte', 'home claro!', 'así calquera'. ( ¡O seu neto quéreo moito! -Madía leva!, dálle canto quere ).
Noutros casos esta frase utilízase tamén en contextos no que se queira expresar sorpresa, funcionando no discurso de xeito equivalente a `mi madriña!, manda carallo!, vaites, vaites! (Acabo de mercar un coche. Madia leva! Un Audi) . Existe, ademais, a expresión ´máis vale madia leva que vaia por Deus! co significado de 'non te queixes tanto que puido ser peor'.
ETIM. contracción de mal/mau mal día ou ma día.

Mans


Durante o século XV, nunha pequena aldea próxima a Nuremberg, vivía unha familia con 18 nenos. Para poder pór pan na mesa para tal prole, o pai, e xefe da familia, traballaba case 18 horas diarias nas minas de ouro, e en calquera outra cousa que se presentase.

A pesar das condicións tan pobres en que vivían, dous dos fillos de Albrecht Durer tiñan un soño. Ambos querían desenvolver o seu talento para a arte, pero ben sabían que o seu pai xamais podería enviar a ningún deles a estudar á Academia. Logo de moitas noites de conversacións caladas entre os dous, chegaron a un acordo. Lanzarían ao aire unha moeda. O perdedor traballaría nas minas para pagar os estudos ao que gañase. Ao terminar os seus estudos, o gañador pagaría entón os estudos ao que quedase na casa, coas vendas das súas obras, ou como fose necesario. Lanzaron ao aire a moeda un domingo ao saír da Igrexa. Albretch Durer gañou e foise a estudar a Nuremberg. Albert comezou entón o perigoso traballo nas minas, onde permaneceu polos próximos catro anos para sufragar os estudos do seu irmán, que desde o primeiro momento foi toda unha sensación na Academia.
Os gravados de Albretch, os seus tallados e os seus óleos chegaron a ser moito mellores que os de moitos dos seus profesores, e para o momento da súa gradación, xa comezara a gañar considerables sumas coas vendas da súa arte.
Cando o novo artista regresou á súa aldea, a familia Durer reuniuse para unha cea festiva na súa honra. Ao finalizar a memorable velada, Albretch púxose de pé no seu lugar de honra na mesa, e propuxo un brinde polo seu irmán querido, que tanto se sacrificou para facer os seus estudos unha realidade. As súas palabras finais foron: "E agora, Albert irmán meu, é a túa quenda. Agora podes ir ti a Nuremberg a perseguir os teus soños, que eu me farei cargo de ti".
Todos os ollos volvéronse cheos de expectativa cara ao recuncho da mesa que ocupaba Albert, quen tiña o rostro empapado en bágoas, e movía de lado a lado a cabeza mentres murmuraba unha e outra vez: "Non... non... non...". Finalmente, Albert púxose de pé e secou as súas bágoas. Mirou por un momento a cada un daqueles seres queridos e dirixiuse logo ao seu irmán, e pondo a súa man na fazula daquel díxolle suavemente: "Non, irmán, non podo ir a Nuremberg. É moi tarde para min. Mira o que catro anos de traballo nas minas fixeron ás miñas mans. Cada óso das miñas mans rompeuse polo menos unha vez, e ultimamente a artrite na miña man dereita avanzou tanto que ata me custou traballo levantar a copa durante o teu brinde... moito menos podería traballar con delicadas liñas o compás ou o pergamiño e non podería manexar a pluma nin o pincel. Non, irmán... para min xa é tarde".
Máis de 450 anos pasaron desde ese día. Hoxe en día os gravados, óleos, acuarelas, tallas e demais obras de Albretch Durer poden ser vistos en museos ao redor de todo o mundo.
Pero seguramente vostede, como a maioría das persoas, só recorde un. O que é máis, seguramente ata teña un na súa oficina ou na súa casa. Un día, para render homenaxe ao sacrificio do seu irmán Albert, Albretch Durer debuxou as mans maltratadas do seu irmán, coas palmas unidas e os dedos apuntando ao ceo. Chamou a esta poderosa obra simplemente "Mans", pero o mundo enteiro abriu de inmediato o seu corazón á súa obra de arte e cambióuselle o nome á obra polo de "Mans que oran". A próxima vez que vexa unha copia desa creación, mírea ben. Permita que sirva de recordatorio, se é que o necesita, de que ninguén, nunca, ¡ trunfa só !

Quiñon

1 - Parte da pesca obtida por un barco que lles corresponde ós mariñeiros.
"Facer un quiñón": cobrar os cartos que lle corresponden a un mariñeiro.
"Ir ó quiñón": embarcar cobrando en partes proporcionais ó que se pesca.
2 - Parte da herdanza que lle corresponde a cada un dos herdeiros.
3 - Parte ou porción que corresponde nunha repartición ("Xa recollín o meu quiñón de verdura")

Arrebolar


Arrebolar:
1.- v t Botar abaixo a froita lanzando un rebolo contra as pólas da árbore.
2.- v t Tirar un pau ou outra cousa contra algo ou alguén con forza ou violencia.
3.- v t Ir rodando por un plano inclinado.
4.- Pegar, dar golpes ("arreboloulle un estacazo no lombo")
5.- Xirar ou moverse con movemento oscilante.
6.- Pasarlles a rebola ou rapadoira ás medidas dos cereais para quitar o que sobrepasa do bordo; rapar, rasar, rebolar

SIN: abaloirar, baloirar, escudir, rebolar, varear, varexar, ceibar, guindar, mandar, tirar, apancar, golpear, pegar.
Rebolo:
1.- s m Carballo de tronco pequeno e groso, con follas de cor pálida.
2.- s m Toro dunha árbore co que se fai leña.
3.- s m Pau ou pedra que se lanza contra algo ou alguén, especialmente o pau curto que se tira ás polas dunha árbore para que caia a froita.
4.- s m Pau curto e cilíndrico que se utiliza para rasar medidas, tirando o cugulo (o que sobra); rebola.
5.- s m Persoa grosa e, polo xeral, de pouca estatura. A/de rebolos loc adv Xirando sobre o seu propio corpo.  Ver o uso incorrecto nunha arroutada nun exame.

Turbeira


1. s f BOT/XEOL Vexetación propia de medios enchoupados, que se caracteriza pola presenza abundante e exclusiva de brións ou herbas higrófilas. A planta máis común é o esfagno, que vai cubrindo toda a superficie da turbeira e é o principal formador de turba. A medida que entra en descomposición vai creando sucesivas capas de turba que poden acadar ate 4 m. de grosor. Nalgunhas zonas son coñecidas estas formacións que tremen, liberan burbullas ou se desprazan sobre a auga como porcas preñadas. A análise das turbeiras permite coñecer o clima e a influencia humana na natureza durante os últimos cinco mil anos

2 s f XEOL Depósito de turba, orixinado en terreos cuaternarios pantanosos e con climas húmidos.  As turbeiras do Suído están ameazadas.

A lingua dos peixes

Lingua, lingua, lingua
Lingua de carne para facer rolar sobre ela a lingua de palabras. Lingua para arrolar a lingua, mais non para que durma.
Lingua. Liberdade. Libro. Liberdade para cantar, amar, rir na lingua galega. Lingua para berrar ¡Liberdade! Libros para facer voar a lingua nas ás das súas páxinas.
Lingua para sermos libertarias e, se fose o caso, libertinas.
Lingua sen ligaduras nin ligames.
Lingua, lingua, lingua
Houbo unha vez unha meiga, cortou a lingua da serea, arrebatoulle a voz e a cambio deulle dúas pernas. Agora uns prebostes e sub-prebostes, uns arquipámpanos que gobernan o diario oficial e cren gobernar as nosas vidas, queren cortarnos a lingua, arrebatarnos a voz, e nin sequera nos dan unhas pernas novas.
Nós non queremos trocar lingua por pernas. Escollemos ser peixes, falar a nosa lingua de peixes. Oufanámonos da nosa cola cuberta de escamas de prata. Grazas á nosa lingua, á nosa cola de peixe, nadamos polas augas mariñas das entrañas de Galicia. As nosas garlas permítennos respirar por baixo da auga.
Convocamos en defensa da lingua a luras e polbos, a lorchos e linguados. Convocamos a todas e todos os que manteñen a lingua de palabras en precario equilibrio sobre a súa lingua de carne. ¡Gardade a lingua! E para gardala, espalládea por mares e océanos, polos camiños de Galicia e do mundo.
Lingua, lingua, lingua
Lingua e liberdade. Lingua é liberdade.

Gonzalo Jar Couselo

Fai uns anos a Xunta de Galicia sacou un pequeno libro chamado "Un futuro para a lingua", cun pequeno, pero importante lema, "Non desherdes a túa lingua", nel aparecen as "mandas" (legado de bens ou dereitos que se deixan en testamento). Iremos pondo algúnhas, aínda que imos comezar por esta, que é doutro libro semellante: “En galego, agora e sempre”, editado pola ASOCIACIÓN DE FUNCIONARIOS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÚÍSTICA, que recolle mandas testamentarias de máis de duascentas persoas.
Esta primeira, que serve tamén como homenaxe póstumo,  é de Gonzalo Jar Couselo, Xeneral de División da Garda Civil, nado en Pontevedra (Lérez), defensor do galego dentro dun corpo non moi dado a estas loitas, sobre todo noutros tempos:
"Os dezasete anos, con moita morriña e máis medo ó descoñecido, saín da miña casa de Lérez para comezar unha vida profesional, a de garda civil, que, salvo a paréntese de dous anos en Lugo, ía obrigarme a ter que vivir lonxe dese pequeno paraíso que entón era todo o que estaba a beira dun engaiolante río Lérez. Atrás deixaba os meus pais, pero sobre todo a miña avoa Xoana, unha velliña que morrería dous anos máis tarde e que nos deixaba a toda familia, precisamente por non saber falar outra língua, a mellor herdanza que nos podía transmitir, o emprego permanente do galego como única maneira de comunicarmos entre nós. Moito tempo despois descubriría o privilexio que supón desenvolver os primeiros anos dunha vida con dúas linguas sen ningún esforzo para o neno que era. Unha vez casado cunha dona non galega, a chegada de dúas fillas plantexoume a dúbida de cómo tería que facer para que esa herdanza que me fora transmitida non morrera de maneira definitiva, así que, desde ben pequenas e coa complicidade da miña muller, puxen en marcha un plan, vixente deica hoxe, que consistía en falarlles sempre en galego aínda que elas me responderan en castelán. Pasaron os anos e a maior, Ana, hoxe alta funcionaria do Estado, tras estudar na escola de idiomas de Madrid cinco anos de galego é xa unha verdadeira defensora da nosa língua; en canto á pequena, Marta, xornalista, custoulle un pouco máis a entrada nese mundo, pero un Erasmus en Lisboa troúxoma ó noso eido pola vía do portugués. É así como, cando se aproxima o intre de facer testamento, quero pedirlle a ámbalas dúas que, de igual maneira que recibiron ese privilexio, se comprometan ante a xeración que lles precedeu a manter viva o que consideramos é o mellor legado que se lle pode facer a unha persoa".

Adaíl

Adaíl: Xefe que guía e dirixe un grupo humano, unha comunidade ou un exército.
Manuel Rivas Barros, ingresou  en decembro de 2009 como membro numerario na RAG (Real Academia Galega). No seu discurso de entrada, agradeceu, entre outros, á Academia "o agasallo da súa confianza", que el asegurou recibir como "unha encomenda de responsabilidade e de compromiso na tarefa de defender, cultivar e espallar o idioma, o patrimonio e as expresións culturais de Galicia. Ser adaíl, un máis, na loita do re-existir".

O porco de San Antón

O DEZASETE DE XANEIRO celébrase en toda a cristiandade a festa de Santo Antón Abade, eremita exipcio que viviu polo s. III-IV e morreu aos 105 anos. Durante o retiro no deserto foi tentado innumerables veces polo Demo, tomando este mil e un disfraces, entre eles o de muller con posturas impúdicas, mais, ao parecer, sen éxito. En Palestina facíanlle festa xa no S. V; en Occidente foi despois do s. XI cando se comezou a venerar, logo do traslado das súas reliquias desde Constantinopla a Dauphiné. Comeza a representarse na compaña dun porco a partir do S. XIV.
O FOGO DE SAN ANTÓN foi, indirectamente, a enfermidade que deu orixe á Orde dos Antonianos, primeiro como fraternidade laica e logo, s. XII, como orde relixiosa que nace para atender os enfermos e que desaparece cando se erradica este mal a finais do s. XVIII. Doenza terrible, coñecida como “culebrilla” ou “fogo sagrado”, unha intoxicación gangrenosa que se manifestaba candente en dedos, orellas e nariz e para á que o santo era moi avogoso. Críase causada por castigo divino aínda que, en realidade, contraíase tralo consumo de pan de fariña de centeo contaminado co fungo chamado caruncho.
O PORCO DE SAN ANTÓN 
Unha das fontes de provisión destes frades foi procurar licencias para que os porcos dos frades, identificados cunha campaíña pendurada do pescozo, puidesen manterse libremente, tanto nas cidades coma nos arredores. A tradición de manter porcos entre a veciñanza para poxalos e co recadado atender gastos derivados de festas e obras comunais continuou en moitos lugares de Europa, coma en Espasante (Ortigueira), onde no s. XIX comezaron a criar para logo rifar un porco co que atender os gastos da edificación dunha capela dedicada ao santo patrón dos animais.
EN LUGO, na capela da Soidade, celebrábase ata non hai moitos anos a ceremonia relixiosa e unha poxa de produtos de porco (rabo, orella, cachola...) dirixida polo sacristán de San Pedro. Desde hai uns oito anos é a Sociedade Protectora de Animais e Plantas a que se encarga do acto que remata na Praza Maior coa bendición dos animais domésticos e a poxa dos donativos achegados por persoas e entidades colaboradoras. Hai outros aspectos da festa (fogueiras, bolos..) que quedan para comentar en mellor ocasión.