xoves, 17 de febreiro de 2022

O Meco

 Boneco que se queima ao finalizar o Entroido

Sarmiento visitou A Siradella, O Grove, en 1745 por ser o lugar onde a tradición dicía que aforcaran a un personaxe que el coñecía desde meniño porque na procesión relixiosa do Corpo de Deus de Pontevedra representábase solemnemente a súa derrota —con carantoña / facendo o fedello / botando pernadas— a mans da Vella do Grove. O Meco —do latín moechus, adúltero, fornicador— aínda é un personaxe sobranceiro de moitos entroidos polo menos desde o s. XVII. Hai diferentes versións sobre a orixe. Uns din que era o terratenente Juan de la Meca, quen tiña por costume facer uso do dereito de pernada. Outros aseguran que era un crego luxurioso quizais párroco de san Martiño, conquistador e violador de mulleres. Un sátiro. Chegou o día en que as mulleres do Grove non o aturaron máis e entre todas captúrano e aforcano nunha figueira na Siradella. Cando a xustiza preguntou quen matou o Meco, todas as mulleres responderon: Matámolo todas! A figueira desde entón só dá figos vermellos, cor do sangue do Meco, aínda que Sarmiento asegura que a cor é consecuencia dos fríos ventos mariños. (Micromitos - O MECO - Antonio Reigosa)

mércores, 2 de febreiro de 2022

2 DE FEBREIRO: A CANDELORIA

-Que significa candeloria?
A candeloria é unha palabra que ten a orixe no substantivo latino candela -ae, ‘luz alimentada con cera ou sebo’, termo co que se crea no latín tardío festa candelarum, ‘a festa das candeas’, que chega a nós acurtando a locución. E ten que ver coa procesión dentro da igrexa das candeas benditas acesas, que son as protagonistas da festa. Candeas = candeloria. Para a igrexa católica é o día da Purísima, a Purificación da Virxe María. Así que están de santo as Puras. E tamén estarán os Puros, que Purificación é nome de home (México) e un famoso Puro galego foi don Puro Cora director moitos anos de El Progreso.
-Candeloria ou candelaria?
Tradicionalmente seica se di Candeloria, esa é a palabra que recolle o dicionario RAG. En castelán e portugués dise Candelaria e tamén moitos falantes galegos e dicionarios como o Estravís.
-De onde vén a festa?
O Día da Candeloria ten orixe nos cultos pagáns da fertilidade e dos ciclos da natureza, que como a noite de San Xoán, a Semana Santa, o Nadal e moitos outros, acabou por ser cristianizado. Neste caso tratábase do ritual do lume, da luz coa purificación, de afastamento de desgrazas, protectoras.
Así, na mitoloxía celta a primeiros de febreiro era o Imbolg, celebración na honra da deusa Brigit, protectora das colleitas, o gando e a fecundidade. Era o preludio da chegada da primavera. Na antiga Roma celebrábase as Lupercais, a festa do lume e na honra da fertilidade. Nesta festa, realizábase unha procesión con candeas acendidas de noite.
No ano 492, o Papa Xelasio crea a festa da Purificación da Virxe María, que é conmemorada o 2 de febreiro. Celébrase o día 2 de febreiro, época importante no ciclo astronómico, pois coincide coa metade do inverno, no intre xusto entre o solsticio da estación fría e o equinoccio de primavera, (pola candeloria, medio inverno vai fóra), no momento en que medran os días e a natureza comeza a preparar o estourido de vida que está a chegar.
Sendo un intervalo relevante do ciclo estacional non é de estrañar que todas as culturas tivesen celebracións ao redor da data, sempre festexando a volta da luz e do desexo de fertilidade.
Para os mariñeiros tamén era o comezo da nova tempada de pesca despois do paro do inverno.
-Costumes dese día
No 2 de febreiro, nas parroquias o crego bendice as candeas que a xente ten de manter acesas mentres dure a misa. Estas candeas lévanse, posteriormente, para a casa pois atribúenselles poderes como calmar as treboadas ou alumear o camiño das almas que deixan este mundo nos enterros e velorios, e tamén se poñen na man dos moribundos.
Tamén se soltaban pombas no momento de alzar na misa.
Segundo Manuel Murguía as candeas e as pombas representan o amor polos meniños, os irmáns dos meniños mortos antes de se bautizaren e os que tiñan que ser os seus padriños botan no chan xazmíns azuis no momento de alzar para que as criaturas xoguen con esas flores e moitas nais poñen as candeas sobre feixes de romeu, planta funeraria, para que eses pobres cativiños vexan a luz divina aínda que só sexa na misa da Purificación da Virxe. Hai que ter en conta a grande mortalidade infantil que había.
Nalgúns sitios era o día do encantamento das cobras: “Santa Candeloria me ampare esta cobra”. Para protexerse delas porque se lle temía ao seu veleno.
-Por que se di que casan os paxariños?
A partir da candeloria, ningunha ave voa soa di o refrán para lembrar que o mes de febreiro comeza, na cultura popular, cunha celebración ben especial, xa que casan os paxariños, ao que comeza o retorno das aves migratorias e os cortexos preludian o renacer primaveral. Da importancia que ten esta representación na imaxinaría tradicional europea dá conta a multitude de estampas nas que, desde tempos inmemoriais, o símbolo do amor e a unión sentimental son apaixonadas parellas de aves xuntando os peteiros. Tal é así que algunhas persoas defenden que, para nós, o 2 de febreiro debe ser a data do amor romántico, e non a que se celebra doce días máis tarde na honra dun crego romano do século III, chamado Valentín, representado cun rapazolo gordecho e voador que anda aseteando a xente… onde vai parar! Non hai comparación!
“Pola Candeloira casan os paxariños e maila galiñola // Pola Candeloria cásanse os paxariños e vaise a galiñola // Pola Candeloria pon a pita vella e a nova // Polo santo Antón toda galiña pon. Pola Candelaria, a boa e a mala”
-A Candeloria e o tempo que vai vir
Hai moitos refráns para ver como vai ser o tempo segundo o que estea o día da Candeloria. Curioso, verdade, e non lembran que nos Estados Unidos tamén este día lle din o día da marmota.
“Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra // Ou tamén o mesmo con segundas partes: que chore, que deixe de chorar, mitá do inverno está por pasar // se chora ou ri, o inverno está por vir, e se chora ou fai vento, inda o inverno está dentro // e se chove e fai vento, metade fóra e metade dentro // se chove ou venta aínda entra // . E si non venta nin chora, inverno fóra. // se ri, aínda está por vir pero que ría e que cante hai inverno para tras e para diante.
Que a Candelaria chore ou que deixe de chorar, a metade do inverno está pasado e a metade está por pasar // Se a Candeloria chora vai o inverno fóra; se ri, o inverno quer vir; mais cal chorar, cal rir, medio inverno está por vir // Se a Candeloria vén mal o inverno está caroal // E para rematar cos refráns: o dous de febreiro sube ó outeiro, se ves negrexar ponte a cantar, se ves branquexar ponte a chorar
Resumindo: A Candeloria “É unha data dedicada ao amor e á fecundidade, os paxaros serven como referencia de observación da natureza e como obxectos de construción simbólica”, segundo sinala o antropólogo Rafael Quintía, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega.

Artigo sacado do facebook publicado  polo mestre Anxo González Guerra