Amosando publicacións coa etiqueta Gonzalo Jar Couselo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Gonzalo Jar Couselo. Amosar todas as publicacións

sábado, 28 de marzo de 2020

Gonzalo Jar Couselo

Fai uns anos a Xunta de Galicia sacou un pequeno libro chamado "Un futuro para a lingua", cun pequeno, pero importante lema, "Non desherdes a túa lingua", nel aparecen as "mandas" (legado de bens ou dereitos que se deixan en testamento). Iremos pondo algúnhas, aínda que imos comezar por esta, que é doutro libro semellante: “En galego, agora e sempre”, editado pola ASOCIACIÓN DE FUNCIONARIOS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÚÍSTICA, que recolle mandas testamentarias de máis de duascentas persoas.
Esta primeira, que serve tamén como homenaxe póstumo,  é de Gonzalo Jar Couselo, Xeneral de División da Garda Civil, nado en Pontevedra (Lérez), defensor do galego dentro dun corpo non moi dado a estas loitas, sobre todo noutros tempos:
"Os dezasete anos, con moita morriña e máis medo ó descoñecido, saín da miña casa de Lérez para comezar unha vida profesional, a de garda civil, que, salvo a paréntese de dous anos en Lugo, ía obrigarme a ter que vivir lonxe dese pequeno paraíso que entón era todo o que estaba a beira dun engaiolante río Lérez. Atrás deixaba os meus pais, pero sobre todo a miña avoa Xoana, unha velliña que morrería dous anos máis tarde e que nos deixaba a toda familia, precisamente por non saber falar outra língua, a mellor herdanza que nos podía transmitir, o emprego permanente do galego como única maneira de comunicarmos entre nós. Moito tempo despois descubriría o privilexio que supón desenvolver os primeiros anos dunha vida con dúas linguas sen ningún esforzo para o neno que era. Unha vez casado cunha dona non galega, a chegada de dúas fillas plantexoume a dúbida de cómo tería que facer para que esa herdanza que me fora transmitida non morrera de maneira definitiva, así que, desde ben pequenas e coa complicidade da miña muller, puxen en marcha un plan, vixente deica hoxe, que consistía en falarlles sempre en galego aínda que elas me responderan en castelán. Pasaron os anos e a maior, Ana, hoxe alta funcionaria do Estado, tras estudar na escola de idiomas de Madrid cinco anos de galego é xa unha verdadeira defensora da nosa língua; en canto á pequena, Marta, xornalista, custoulle un pouco máis a entrada nese mundo, pero un Erasmus en Lisboa troúxoma ó noso eido pola vía do portugués. É así como, cando se aproxima o intre de facer testamento, quero pedirlle a ámbalas dúas que, de igual maneira que recibiron ese privilexio, se comprometan ante a xeración que lles precedeu a manter viva o que consideramos é o mellor legado que se lle pode facer a unha persoa".