Páxinas
Amosando publicacións coa etiqueta Poesía b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Poesía b>. Amosar todas as publicacións
domingo, 25 de abril de 2021
sábado, 24 de outubro de 2020
domingo, 26 de abril de 2020
As árbores da fraga
Estaba o acivro
de garda na fraga,
pasou o carballo
e non lle dixo nada.
Chegou o eucalipto
á porta petar,
o acivro de garda
non o deixou pasar.
Entrou o bidueiro
e máis o salgueiro,
tamén o cerquiño
e o ameneiro.
Pasou o pradairo
seguido do freixo,
tamén a abelaira
e o castiñeiro.
Logo entrou o buxo
e máis a sobreira,
despois veu a faia
xunto coa ulmeira.
-Vaite eucalipto
non insistas máis
que aquí na fraga
non podes entrar.
(Xosé Lois Seixo Fernandez)
martes, 21 de abril de 2020
Coplas dos Maios de Campolongo
sábado, 28 de marzo de 2020
Bicarelo e brelo
Bicarelo: Parte máis alta dunha construción ou planta.
Brelo: Póla
Brelo: Póla
"No bicarelo do bico do brelo
canta o paxariño.
No mesmiño bicarelo
do bico do brelo."
Uxío Novoneyra
A lingua dos peixes
Lingua, lingua, lingua
Lingua de carne para facer rolar sobre ela a lingua de palabras. Lingua para arrolar a lingua, mais non para que durma.
Lingua. Liberdade. Libro. Liberdade para cantar, amar, rir na lingua galega. Lingua para berrar ¡Liberdade! Libros para facer voar a lingua nas ás das súas páxinas.
Lingua para sermos libertarias e, se fose o caso, libertinas.
Lingua sen ligaduras nin ligames.
Lingua, lingua, lingua
Houbo unha vez unha meiga, cortou a lingua da serea, arrebatoulle a voz e a cambio deulle dúas pernas. Agora uns prebostes e sub-prebostes, uns arquipámpanos que gobernan o diario oficial e cren gobernar as nosas vidas, queren cortarnos a lingua, arrebatarnos a voz, e nin sequera nos dan unhas pernas novas.
Nós non queremos trocar lingua por pernas. Escollemos ser peixes, falar a nosa lingua de peixes. Oufanámonos da nosa cola cuberta de escamas de prata. Grazas á nosa lingua, á nosa cola de peixe, nadamos polas augas mariñas das entrañas de Galicia. As nosas garlas permítennos respirar por baixo da auga.
Convocamos en defensa da lingua a luras e polbos, a lorchos e linguados. Convocamos a todas e todos os que manteñen a lingua de palabras en precario equilibrio sobre a súa lingua de carne. ¡Gardade a lingua! E para gardala, espalládea por mares e océanos, polos camiños de Galicia e do mundo.
Lingua, lingua, lingua
Lingua e liberdade. Lingua é liberdade.
Irmaus (Celso Emilio Ferreiro)
Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero tí, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmáu che falo.
Si é túa a miña noite,
si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmáu che falo.
Anque as nosas palabras sean distintas,
e ti negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmáu che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son igoales,
coma un irmáu che falo.
Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmáu che falo.
GALICIA
Galicia docemente
esta ollando ó mar:
¡ten vales e montañas
e terras para labrar ¡
Ten portos mariñeiros,
cidades, labregos
¡cargados de traballos
cargados de trafegos!
Galicia é unha nai
velliña e soñadora
¡na voz da gaita rise
na voz da gaita chora¡
Galicia é o que vemos,
a terra, o mar, o vento
¡Pero hai outra Galicia
que vai no sentimento!
Galicia somos nós
a xente e maila fala
¡se buscas a Galicia
en ti tes que atopala!
Manuel María Fernández Teixeiro
(“Soños na gaiola”)
venres, 27 de marzo de 2020
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)



