A que vos recorda esta nova? Non fai moito que lin "Os libros arden mal" de Manolo Rivas, e a verdade que o caso non é o mesmo pero semella dabondo en histeria ou loucura. Non si?
Que che falen de austeridade e que den orde de facer o que van facer... non debería ter perdón ... que animaliños!!
Coméntanos a nova Carlos Callón en Galicia Hoxe:
"190.000 libros de texto gratuítos para as familias, adquiridos polo goberno bipartito, van ir parar ao lixo, a pesar de teren unha vida útil de dous anos máis. Así o recoñece a propia Consellaría de Educación aos medios de comunicación que se fixeron eco da noticia. O motivo? Eses manuais están en galego e refírense a materias científico-técnicas cuxa docencia no noso idioma quere prohibir o goberno Feijóo a través do decretazo 79/2010.
Cómpre que a sociedade o saiba. Temos que movernos por riba das mordazas mediáticas do PP para que se coñeza que o presidente da Xunta ordena deitar ao caldeiro do lixo todos estes manuais, cuxo valor económico a Asociación Galega de Editores estima en 3,8 millóns de euros. Todos estes libros de texto non son substituídos porque houbese algunha descuberta excepcional neses ámbitos de coñecemento que os convertese en anticuados, nin porque houbese mudanzas no temario, nin porque tivesen erros pedagóxicos, nin por ningún outro motivo racional e comprensíbel. O único que lles acontece é que teñen un erro insubsanábel, un pecado orixinal: están escritos en galego, ese idioma que "por tradición" non está feito para disciplinas como as matemáticas, a física, a química e a tecnoloxía.". Continúa lendo en Galicia Hoxe
Ningún comentario:
Publicar un comentario