sábado, 25 de xuño de 2022

Emilia Docet, a primeira Miss España galega

Emilia Docet, a primeira Miss España galega e mito do galeguismo dos anos 30.  A historia dunha viguesa que rompeu moldes e que seconverteuse nun emblema do galeguismo da Segunda República.

O 8 de setembro de 1921 máis de 100.000 persoas reuníanse no paseo marítimo de Atlantic City, en Nova Jersey, para ver ás finalistas do primeiro concurso de Miss America. Tratábase do primeiro certame de beleza da historia moderna. En 1929, Estados Unidos retou a Europa para celebrar un certame intercontinental coa intención de atopar á moza máis bela do mundo. Varios diarios franceses recolleron a luva e pediron a colegas de toda Europa que convocasen probas nos seus respectivos países. En España, ao primeiro certame que máis adiante sería coñecido como “Miss España", chamóuselle “Señorita España”, e celebrouse o 25 de xaneiro de 1929. 

No ano 1933 unha viguesa convertíase na primeira galega en facerse coa coroa da máis bela de España. Pero esta extraordinaria muller tiña algo máis que unha beleza sen igual. 

Emilia Docet Ríos nacía en Vigo o 9 de xullo de 1915. Era filla de Francisco Docet, un empresario vigués do caucho con explotacións na amazonia peruana, e de Emilia Ríos, filla dun político da rexión. Quen coñeceu a Emilia dicía dela que a mestura de sangue dos seus pais proporcionáralle unha extraordinaria beleza.

Pero se por algo destacaba Emilia era por ser unha muller moderna, libre, culta e decidida e que ademais era un exemplo na loita pola igualdade de sexos. Emilia ademais era unha gran afeccionada ao deporte: natación (o seu favorito), remo, hóckey sobre herba… e estudaba Peritaxe Mercantil na Escola de Comercio de Vigo.

Pero o 11 de febreiro de 1933 a súa vida cambiaría para sempre. Ese día celebrábase en Vigo o concurso que elixiría á miss galega. Era a primeira vez que Galicia participaba en Miss España (Señorita España).  Emilia presentouse  ante a insistencia dos seus irmáns e gañou. No Teatro Tamberlick, e tras as deliberacións dun xurado que contaba con nomes tan ilustres como Castelao, Carlos Maside ou Jenaro de la Fuente, anunciábase a súa vitoria.

O 13 de febreiro, Emilia, xunto ao seu pai, parte a Madrid para participar no certame no que se elixirá á nova Miss España. Nunha multitudinaria festa no Teatro Metropolitano de Madrid gaña o concurso. Era o 21 de febreiro de 1933. Tan só unha semana despois, a punto estivo de gañar o título de Miss Europa, nun acto que se celebrou no Círculo de Belas Artes de Madrid, do que foi finalista xunto a outros catro países, Hungría, Francia e Rusia, sendo esta última a gañadora. Emilia conseguiu ser Dama de Honra. O lendario Wenceslao Fernández Flórez, presente no Círculo ese día, dicía de Emilia que xamais vira a unha muller tan bela na súa vida.

Emilia regresou a Vigo en tren, rendéuselle unha multitudinaria homenaxe e foi recibida no Concello polo alcalde da cidade. Xa era unha celebridade.

Ata tal punto a súa fama era tan extraordinaria, que o 3 de maio de 1933, é convidada pola Deputación de Ourense a Ribadavia, onde se celebra unha cea na súa honra. Mentres se arranxa nunha habitación dun hotel da localidade, córrese a voz de que Miss España estaba naquel establecemento. Foron tantas as persoas que acudiron ao primeiro piso do hotel para ver de preto á celebridade que o chan cedeu e derrubouse, afortunadamente, sen causar feridos de gravidade.

Todos querían facer unha foto con Emilia, entre eles, os políticos. A tía de Emilia era a esposa de Xosé Núñez Búa, un dos fundadores do Partido Galeguista en Vigo, o que lle levou a converterse en musa e icona dos galeguistas da época.

Núñez Búa preséntaa á plana maior do partido e estes viron nela a imaxe perfecta para dar a coñecer a súa ideoloxía. Emilia forma parte diso de maneira activa tanto coas súas declaracións aos medios como nos actos aos que asiste. Pero, sobre todo, Emilia foi unha muller que loitou por reivindicarse nunha época na que os homes copaban os postos de poder nos estamentos sociais. Foi unha representante das novas mulleres pioneiras e loitadoras pola igualdade que estaban a xurdir a principios do século XX. Proba diso foi cando no verán de 1933 Emilia se presentouse ante o Ministro de Agricultura para esixirlle que levantase o embargo a 7.000 familias de campesiños de Porriño que actuaran como avalistas dun préstamo estatal que Primo de Rivera concedera anos antes para a construción do primeiro matadoiro industrial cooperativo de Galicia. O ministro levantou o embargo de inmediato.
O 16 de xuño de 1933 acode a unha homenaxe do partido no Hotel Miño de Ourense, no que se rodea dos principais representantes do galeguismo ourensán, onde é fotografada xunto a eles nunha imaxe histórica.
E quizá o acto máis famoso no que participou foi o “Mitín dás Arengas” de 1934, organizado polo Partido Galeguista na Praza dá Quintana en Santiago de Compostela, xunto a Castelao, Bóveda, Otero Pedrayo, Paz Andrade... Naquel mítico evento interviñeron máis de 20 oradores e Emilia foi a única muller que participou co seu propio discurso ao que a prensa cualificou como o máis belo e sólido dos realizados.

Tras aquel ritmo frenético ao que a someteu ser Miss e un símbolo do galeguismo, Emilia terminaría os seus estudos de Peritaxe Mercantil e traballaría no laboratorio Miguel Servet de Vigo, xerme do que máis tarde sería Zeltia. casaba en xullo de 1940 e, posiblemente, farta de ser unha celebridade, renunciou a calquera tipo de presenza pública. Falecía o 22 de febreiro de 1995 en Vigo, sen homenaxes nin recoñecementos.

Hai quen di que o galeguismo de Emilia foi algo circunstancial, que nunca militou no partido e que nunca se dedicou a facer campaña polo mesmo. E posiblemente foi así. Aínda que realmente debería de darnos igual. Porque Emilia Docet non foi tan só unha muller bela, non foi tan só un dos símbolos de moda do movemento galeguista, non foi tan só unha muller moderna. Emilia Docet Ríos foi unha muller culta, intelixente, autónoma, amante da música, activa, deportista, tolerante, relixiosa, alegre, optimista e nai pero, sobre todo, foi unha muller libre e adiantada ao seu tempo cuxa memoria recuperamos xa para sempre nas nosas Historias da Historia.

Artigo traducido ó galego  (Ver orixinal)

sábado, 26 de marzo de 2022

Urco, o “can do demo” que atemorizou á Galicia mariñeira

Urco
 A mitoloxía explica, en moitas ocasións, como funcionaba unha determinada sociedade. A mitoloxía galega, xunto coa asturiana, é moi rica e dela extráense figuras tan interesantes como a do can do Urco, un animal que adopta a forma dun can enorme, de cor negra, con grandes cornos e orellas. O can do Urco, en Asturias chamábase Güercu, sae do mar arrastrando cadeas. Unha imaxe escura que se consideraba de mal agoiro ou, inclusive, do anuncion dunha morte próxima. O Urco ten semellanza cos espíritos e demos acuáticos da mitoloxía británica, como é o kelpie. O can de Urco tivo presenza en toda a xeografía do noroeste da península, pero destacan dous lugares: a illa de Cortegada e as beiras do Río Lérez. A illa de Cortegada fora abandonada por todo ser humano que a habitara, as herbas creceron.  Á fame e á miseria daqueles anos sumouse o perigo desta figura mitolóxica. Todos os veciños e veciñas do Carril temían a presenza deste can que cruzaba a ría a nado á noite para levar as peores novas á vila. Sae do océano aullandofuriosamente pola noite, como presaxio de morte e de desgraza, por iso  tamén seCan do Mar ou Can doInferno. A lenda transmitiuse de xeración en xeración e a través de Galicia e Asturias. En Pontevedra quedou tan marcada a súa presenza que é unha das figuras máis populares no seu entroido. A beira do Río Lérez é unha das localizacións o Borrón, o lugar entre o mar e o inferno onde vivía este ser mitolóxico. Fonte orixinal.

xoves, 17 de febreiro de 2022

O Meco

 Boneco que se queima ao finalizar o Entroido

Sarmiento visitou A Siradella, O Grove, en 1745 por ser o lugar onde a tradición dicía que aforcaran a un personaxe que el coñecía desde meniño porque na procesión relixiosa do Corpo de Deus de Pontevedra representábase solemnemente a súa derrota —con carantoña / facendo o fedello / botando pernadas— a mans da Vella do Grove. O Meco —do latín moechus, adúltero, fornicador— aínda é un personaxe sobranceiro de moitos entroidos polo menos desde o s. XVII. Hai diferentes versións sobre a orixe. Uns din que era o terratenente Juan de la Meca, quen tiña por costume facer uso do dereito de pernada. Outros aseguran que era un crego luxurioso quizais párroco de san Martiño, conquistador e violador de mulleres. Un sátiro. Chegou o día en que as mulleres do Grove non o aturaron máis e entre todas captúrano e aforcano nunha figueira na Siradella. Cando a xustiza preguntou quen matou o Meco, todas as mulleres responderon: Matámolo todas! A figueira desde entón só dá figos vermellos, cor do sangue do Meco, aínda que Sarmiento asegura que a cor é consecuencia dos fríos ventos mariños. (Micromitos - O MECO - Antonio Reigosa)

mércores, 2 de febreiro de 2022

2 DE FEBREIRO: A CANDELORIA

-Que significa candeloria?
A candeloria é unha palabra que ten a orixe no substantivo latino candela -ae, ‘luz alimentada con cera ou sebo’, termo co que se crea no latín tardío festa candelarum, ‘a festa das candeas’, que chega a nós acurtando a locución. E ten que ver coa procesión dentro da igrexa das candeas benditas acesas, que son as protagonistas da festa. Candeas = candeloria. Para a igrexa católica é o día da Purísima, a Purificación da Virxe María. Así que están de santo as Puras. E tamén estarán os Puros, que Purificación é nome de home (México) e un famoso Puro galego foi don Puro Cora director moitos anos de El Progreso.
-Candeloria ou candelaria?
Tradicionalmente seica se di Candeloria, esa é a palabra que recolle o dicionario RAG. En castelán e portugués dise Candelaria e tamén moitos falantes galegos e dicionarios como o Estravís.
-De onde vén a festa?
O Día da Candeloria ten orixe nos cultos pagáns da fertilidade e dos ciclos da natureza, que como a noite de San Xoán, a Semana Santa, o Nadal e moitos outros, acabou por ser cristianizado. Neste caso tratábase do ritual do lume, da luz coa purificación, de afastamento de desgrazas, protectoras.
Así, na mitoloxía celta a primeiros de febreiro era o Imbolg, celebración na honra da deusa Brigit, protectora das colleitas, o gando e a fecundidade. Era o preludio da chegada da primavera. Na antiga Roma celebrábase as Lupercais, a festa do lume e na honra da fertilidade. Nesta festa, realizábase unha procesión con candeas acendidas de noite.
No ano 492, o Papa Xelasio crea a festa da Purificación da Virxe María, que é conmemorada o 2 de febreiro. Celébrase o día 2 de febreiro, época importante no ciclo astronómico, pois coincide coa metade do inverno, no intre xusto entre o solsticio da estación fría e o equinoccio de primavera, (pola candeloria, medio inverno vai fóra), no momento en que medran os días e a natureza comeza a preparar o estourido de vida que está a chegar.
Sendo un intervalo relevante do ciclo estacional non é de estrañar que todas as culturas tivesen celebracións ao redor da data, sempre festexando a volta da luz e do desexo de fertilidade.
Para os mariñeiros tamén era o comezo da nova tempada de pesca despois do paro do inverno.
-Costumes dese día
No 2 de febreiro, nas parroquias o crego bendice as candeas que a xente ten de manter acesas mentres dure a misa. Estas candeas lévanse, posteriormente, para a casa pois atribúenselles poderes como calmar as treboadas ou alumear o camiño das almas que deixan este mundo nos enterros e velorios, e tamén se poñen na man dos moribundos.
Tamén se soltaban pombas no momento de alzar na misa.
Segundo Manuel Murguía as candeas e as pombas representan o amor polos meniños, os irmáns dos meniños mortos antes de se bautizaren e os que tiñan que ser os seus padriños botan no chan xazmíns azuis no momento de alzar para que as criaturas xoguen con esas flores e moitas nais poñen as candeas sobre feixes de romeu, planta funeraria, para que eses pobres cativiños vexan a luz divina aínda que só sexa na misa da Purificación da Virxe. Hai que ter en conta a grande mortalidade infantil que había.
Nalgúns sitios era o día do encantamento das cobras: “Santa Candeloria me ampare esta cobra”. Para protexerse delas porque se lle temía ao seu veleno.
-Por que se di que casan os paxariños?
A partir da candeloria, ningunha ave voa soa di o refrán para lembrar que o mes de febreiro comeza, na cultura popular, cunha celebración ben especial, xa que casan os paxariños, ao que comeza o retorno das aves migratorias e os cortexos preludian o renacer primaveral. Da importancia que ten esta representación na imaxinaría tradicional europea dá conta a multitude de estampas nas que, desde tempos inmemoriais, o símbolo do amor e a unión sentimental son apaixonadas parellas de aves xuntando os peteiros. Tal é así que algunhas persoas defenden que, para nós, o 2 de febreiro debe ser a data do amor romántico, e non a que se celebra doce días máis tarde na honra dun crego romano do século III, chamado Valentín, representado cun rapazolo gordecho e voador que anda aseteando a xente… onde vai parar! Non hai comparación!
“Pola Candeloira casan os paxariños e maila galiñola // Pola Candeloria cásanse os paxariños e vaise a galiñola // Pola Candeloria pon a pita vella e a nova // Polo santo Antón toda galiña pon. Pola Candelaria, a boa e a mala”
-A Candeloria e o tempo que vai vir
Hai moitos refráns para ver como vai ser o tempo segundo o que estea o día da Candeloria. Curioso, verdade, e non lembran que nos Estados Unidos tamén este día lle din o día da marmota.
“Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra // Ou tamén o mesmo con segundas partes: que chore, que deixe de chorar, mitá do inverno está por pasar // se chora ou ri, o inverno está por vir, e se chora ou fai vento, inda o inverno está dentro // e se chove e fai vento, metade fóra e metade dentro // se chove ou venta aínda entra // . E si non venta nin chora, inverno fóra. // se ri, aínda está por vir pero que ría e que cante hai inverno para tras e para diante.
Que a Candelaria chore ou que deixe de chorar, a metade do inverno está pasado e a metade está por pasar // Se a Candeloria chora vai o inverno fóra; se ri, o inverno quer vir; mais cal chorar, cal rir, medio inverno está por vir // Se a Candeloria vén mal o inverno está caroal // E para rematar cos refráns: o dous de febreiro sube ó outeiro, se ves negrexar ponte a cantar, se ves branquexar ponte a chorar
Resumindo: A Candeloria “É unha data dedicada ao amor e á fecundidade, os paxaros serven como referencia de observación da natureza e como obxectos de construción simbólica”, segundo sinala o antropólogo Rafael Quintía, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega.

Artigo sacado do facebook publicado  polo mestre Anxo González Guerra