O DEZASETE DE XANEIRO celébrase en toda a cristiandade a festa de Santo Antón Abade, eremita exipcio que viviu polo s. III-IV e morreu aos 105 anos. Durante o retiro no deserto foi tentado innumerables veces polo Demo, tomando este mil e un disfraces, entre eles o de muller con posturas impúdicas, mais, ao parecer, sen éxito. En Palestina facíanlle festa xa no S. V; en Occidente foi despois do s. XI cando se comezou a venerar, logo do traslado das súas reliquias desde Constantinopla a Dauphiné. Comeza a representarse na compaña dun porco a partir do S. XIV.
O FOGO DE SAN ANTÓN foi, indirectamente, a enfermidade que deu orixe á Orde dos Antonianos, primeiro como fraternidade laica e logo, s. XII, como orde relixiosa que nace para atender os enfermos e que desaparece cando se erradica este mal a finais do s. XVIII. Doenza terrible, coñecida como “culebrilla” ou “fogo sagrado”, unha intoxicación gangrenosa que se manifestaba candente en dedos, orellas e nariz e para á que o santo era moi avogoso. Críase causada por castigo divino aínda que, en realidade, contraíase tralo consumo de pan de fariña de centeo contaminado co fungo chamado caruncho.
O PORCO DE SAN ANTÓN
Unha das fontes de provisión destes frades foi procurar licencias para que os porcos dos frades, identificados cunha campaíña pendurada do pescozo, puidesen manterse libremente, tanto nas cidades coma nos arredores. A tradición de manter porcos entre a veciñanza para poxalos e co recadado atender gastos derivados de festas e obras comunais continuou en moitos lugares de Europa, coma en Espasante (Ortigueira), onde no s. XIX comezaron a criar para logo rifar un porco co que atender os gastos da edificación dunha capela dedicada ao santo patrón dos animais.
EN LUGO, na capela da Soidade, celebrábase ata non hai moitos anos a ceremonia relixiosa e unha poxa de produtos de porco (rabo, orella, cachola...) dirixida polo sacristán de San Pedro. Desde hai uns oito anos é a Sociedade Protectora de Animais e Plantas a que se encarga do acto que remata na Praza Maior coa bendición dos animais domésticos e a poxa dos donativos achegados por persoas e entidades colaboradoras. Hai outros aspectos da festa (fogueiras, bolos..) que quedan para comentar en mellor ocasión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario