Amosando publicacións coa etiqueta Vagalume na escuridade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Vagalume na escuridade. Amosar todas as publicacións

sábado, 28 de marzo de 2020

Vagalumes na escuridade

Un conto de animación á lectura. Dicir que os vagalumes teñen moitas formas de chamarse, aquí atoparás unhas cantas. "Cada vez que meu irmán e eu liamos un bo libro, acendíase no noso xardín unha luciña: a luz dun vagalume. E como aos dous nos enchía de ledicia a lectura, en pouco tempo o noso xardín veuse asolagado de pequenas luces douradas. Era un auténtico tecido vivente e mesto – cada talo de herba trocado nunha pequena lapa de lume- o que nos facía moita compañía nas tardiñas e solpores de inverno. Nin meu irmán nin eu tiñamos a mínima sospeita de que, durante as horas que gozabamos da nosa lectura, se desenvolvese moi preto de nós unha auténtica loita. Endexamais se nos pasou pola imaxinación que os nosos *lucecús, empregando as súas lufadas de luz como únicas armas , estivesen empeñadas en loitar contra a escuridade, que de sempre ameaza con afundir ao mundo. Primeiro os nosos veciños e axiña o resto dos habitantes da aldea comezaron a amosar estrañeza e a preguntarse por qué tódolos *cagalumes preferían pasar a noite no noso xardín, deixando na escuridade ao resto da aldea. Por fin, un día, meu irmán reveloulles o noso segredo :
- Somos nós os que atraemos as *lucernas ao noso xardín -dixo- . Facémolo grazas ós libros que lemos. A continuación expliqueille: - Todo bo libro é un *luceiro que alumea na escuridade e endexamais se apaga. Os nosos veciños prestaron atención as nosas palabras e comezaron tamén eles a buscar bos libros. De alí a pouco tempo, xa se formaba cola para entrar nas bibliotecas da aldea. Vellos e mozos, homes e mulleres pedían libros. Comezara a hora marabillosa da lectura. E mira ti por onde, os xardíns anegáronse de *vellas das papas . Balcóns, corredores e tellados estaban cheos de pequenas luces. As follas das árbores, as liñas das estradas eran brillantes. A torre da igrexa escintilaba na escuridade. E entón .... Entón a constelación do libro descolgouse do ceo e pousou silandeiramente na praza da nosa aldea. Era unha agradable constelación , formada por luces delicadas, trémulas, que invitaban aos *vermes da noite. Descendían como tódalas cousas de valor eterno: o amor, a bondade, a identidade, a liberdade, a beleza, a tenrura, a xustiza, e a outros tantos valores que engaden profundidade ás nosas vidas e dan un significado ao noso atropelado paso a través do planeta. Meu irmán e eu seguiamos sendo entusiastas dos libros. A lectura gustábanos con tolería. Teriamos razón? Que pensa a xente? Sobre todo, que pensas ti?"

Vocabulario:
Asolagado, anegado: Inundado. .
Escintilaba: Emitir intermitentemente raios de luz.
Silandeiramente: Silenciosamente Lufada: Golpe de vento.
Trémulas: Indecisas, con medo. Mesto: Basto, espeso.
Outros sinónimos de vagalume:
* Corcoño, * Vella do caldo,
* Coroceiro, * Vella dos valados