sábado, 28 de marzo de 2020

Madia leva

Madia leva: 'defecto, característica negativa que se lle atribúe a alguén'. O Gran Dicionario de Xerais recolle as dúas acepcións: madia e madía. En galego é frecuente, nas aldeas, escoitar a expresión `madia leva! co significado de 'así calquera'. (Disque María vai aprobar todas. -Madia leva!, coa nai que ten).
Como interxección preséntase tamén con acento gráfico: madía leva (levas...)!, madía ten (tes...)!, cos significados de 'xa o creo', 'ten boa sorte', 'home claro!', 'así calquera'. ( ¡O seu neto quéreo moito! -Madía leva!, dálle canto quere ).
Noutros casos esta frase utilízase tamén en contextos no que se queira expresar sorpresa, funcionando no discurso de xeito equivalente a `mi madriña!, manda carallo!, vaites, vaites! (Acabo de mercar un coche. Madia leva! Un Audi) . Existe, ademais, a expresión ´máis vale madia leva que vaia por Deus! co significado de 'non te queixes tanto que puido ser peor'.
ETIM. contracción de mal/mau mal día ou ma día.

Ningún comentario:

Publicar un comentario