Amosando publicacións coa etiqueta Vocabulario. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Vocabulario. Amosar todas as publicacións

sábado, 14 de novembro de 2020

Flora nemoral

A flora nemoral é un anticipo á primavera que nos avisa do cambio de estación e que enche o solo das nosas fragas de vistosas cores e agradables arrecendos.
Nemoral é un adxectivo que fai referencia aos bosques caducifolios. Á flora nemoral pertencen todas aquelas plantas que medran no sotobosque e polo tanto adaptadas aos ciclos de perda de folla das árbores dominantes. Corresponde, logo, a climas temperados con períodos de xeadas curtos. O bosque de ribeira, pola súa situación nas marxes dos ríos, posúe as características axeitadas para ser un dos ecosistemas que máis plantas nemorais acolle. Estas plantas son con frecuencia anuais e son as primeiras en aparecer sobre o manto de follas que deixaron as árbores despois do outono. Teñen así adaptada a súa fenoloxía á estacionalidade do ecosistema, florecendo antes da primavera e aproveitando a insolación que penetra entre as pólas das árbores. Algúns insectos teñen adaptados os seus ciclos vitais para facer coincidir a eclosión dos seus ovos co florecemento destas plantas, polo que se aproveitan, sen apenas competidores, dos recursos que ofrece a flora nemoral, que á súa vez se beneficia dos insectos ao ser polinizada. Porén, as herbáceas non son as únicas plantas que adiantan a súa floración; ameneiros, salgueiros e abeleiras botan as súas flores antes que as follas, polo que optimizan a polinización, a través do vento, cando existen menos obstáculos.

Clica na imaxe para ver algunhas

Ver díptico completo da Flora Nemoral dos ríos Galegos

mércores, 22 de abril de 2020

Vocabulario do bosque

Abrollar de raíz ou de cepa: capacidade que teñen algunhas plantas de producir abundantes abrollos ou varas procedentes da  raíz, talo ou cepa, unha vez que foron cortadas ou mutiladas. 
Apeas: tronco ou anaco de tronco de diámetro pequeno que pode  servir para valos, cerramentos ou esteos das galerías de minas. 
Bugallo: atrofia dos tecidos do talo en forma globosa motivada  pola presencia dun parasito (insectos ou ácaros). É bastante  común nos carballos ou especies do xénero Quercus. 
Caducifolia: planta que tira as follas no período frío. 
Calcario: solo ou terreo con abundancia en rochas ricas en carbonato cálcico. 
Cepa: parte do tronco da árbore que está dentro da terra e unida  directamente ás raíces. 
Cortiza: casca arrincada da sobreira e en disposición de aproveitarse. 
Devesa: terreo xeralmente acoutado, con poucas árbores e que  ten como aproveitamento principal o pasto para o gando. 
Endémica: especie propia exclusivamente dun país, cordilleira, illa, etc. 
Envés: cara inferior do limbo da folla. 
Estival: relativo ó período de verán. 
Estomas: aperturas microscópicas na epiderme para realizar intercambios de gases entre a planta e o exterior. 
Face: cara superior do limbo dunha folla. 
Follaxe: conxunto de follas das árbores. 
Forraxe: alimento verde ou seco que se lle dá ó gando para a súa  alimentación. 
Monte baixo: terreo cuberto de árbores ou plantas na súa maioría procedentes de abrollos de cepa ou raíz. 
Pecíolo: parte da folla que une o talo co limbo. 
Raíces principais ou primarias: aquelas que saen directamente do tronco. 
Raíces secundarias: aquelas que saen das primarias. 
Solana: zona da ladeira que recibe máis horas de sol e con máis intensidade.