venres, 10 de abril de 2020

Barriga Verde

Nos anos 50
Xosé Silvent Martínez, máis coñecido como Barriga Verde, e alcumado Traga Estopa en Lugo e Xosé o dos Monecos  en Pontevedra, nado en Santa Marta de los Barros (provincia de Badaxoz) o 29 de xullo de 1890 e finado en 1970, foi un pioneiro do espectáculo de monicreques na Galiza de mediados do século XX. O seu pai, Joseph Silvent, era un francés natural de Perpiñán e a súa nai, Josefa Martínez, era natural do mesma aldea onde naceu Barriga Verde. O matrimonio viviu en varias localidades españolas, onde tiveron varios fillos.  
Vestido de pallaso
No 1905, con quince anos Xosé,  pasou a Portugal, traballando un tempo na cidade do Porto, onde parece ser que acadaría os coñecementos dos segredos dos monicreques a través dos "fantocheiros" e dos "robertos". Estes últimos eran un tipo de espectáculo con orixe na Commedia dell'Arte italiana. Tamén aprendería a modificar a súa voz introducindo palletas de prata de diferentes grosores na súa gorxa, unha técnica que esixía un grande dominio que quedou gardado coma un segredo profesional que alternaba co oficio de trapecista e do cal chegaría a ser un destacado acróbata.Dende alí logrou chegar a Pontevedra. En Salvaterra de Miño coñeceu a Emerenciana Fernández Gómez, con quen acabou casando. O casamento celebrouse un 23 de xaneiro de 1919 na igrexa de San Salvador de Lérez. Establecéronse nunha primeira vez no lugar da Torre (Camiño Vello); logo na Fontaíña, onde viviron aínda non un ano e volveron de novo á Torre, onde se asentaron definitivamente na rúa que actualmente leva o nome de Leandro del Río Carnota, párroco da freguesía. Nunha casiña (que hoxe ten o número 22) a parella, xa medio estabilizada, comezou a ter fillos. A súa descendencia foi dun total de 8, aos que bautizaron cos nomes de Lucía, Celso, Nieves, Trinidad, Celia, Saladina, Otilia e Afonso.

A súa formación nos estudos foi moi escasa, pero dispuña dun gran sentido práctico da vida e unha inspiración artística extraordinaria. Adaptouse el e mais os seus espectáculos á lingua galega. Desde moi novo sentiuse atraído pola farándula (a mesma profesión que tiñan seus pais) e actuou nas mellores festas e romarías de Galiza.

Despois dunha vida entregada de cheo ao espectáculo, Xosé Silvent retirouse da farándula e deixou os seus monicreques. Xa tiña bastantes anos, xa divertira moitas xeracións. Por volta do ano 1964 Barriga Verde deixou de actuar cos seus monicreques. Máis tarde, no ano 1967 sufriu unha parálise e en 1970 morreu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario