Este ano 2013 celébrase o centenario do finamento de Alejandro Rodríguez-Sesmero González, o arquitecto que modernizou Pontevedra a finais do século XIX, durante os primeiros anos da Restauración. De ahí que o Concello de Pontevedra, neste curso, e neste primeiro trimestre, desenrola o "Roteiro Sesmero", no cal imos participar o alumnado do terceiro ciclo os días luns 28 de outubro, 6ºA e 5ºA, o luns 4 de novembro, 6B e 6C, e o xoves 7 de novembro 5C e 5B. As tres saídas serán de 12:00 - 14:00 h.
Adiantamos aquí unha pequena biografía deste importante persoeiro da cidade de Pontevedra:
Foi o brazo executor dunha sociedade e clase política da época que sacrificou os restos das murallas medievais en aras de proxectar unha cidade cosmopolita, con arquitectura ecléctica e afrancesada do mesmo xeito que as grandes urbes europeas onde se sentaban as bases para que a capital non fóra nunca máis cuestionada.
A don Alejandro Sesmero debémoslle, de 1880, a antiga Avenida de Santa María , o Palacete de Mendoza (o da foto), a actual Casa Consistorial, a o deseño da Alameda (arriba na foto) e As Palmeiras, o Cemiterio Municipal de San Mauro, conxuntamente co seu pai o edificio da Deputación Provincial, a Praza de Abastos, a reforma da capela da Virxe do Camiño e a actual Subdelegación de Defensa.
O Concello fora construído sobre a Bastida Grande, unha das trorres da muralla, ó lado da "Porta da Vila", que tamén se chamou do Arrabal e de Santo Domingo. (ver mapa completo). Hoxe está porta é a entrada (porque foi trasladada) do que foi durante moito tempo Facenda, preto da igrexa de San Francisco.
A problemática dos cemiterios urbanos (Alhóndiga, Sagasta ...) solucionouno levando todos para San Mauro.
Tamén construíu os depósitos en San Mauro para a traída de augas na cidade, colocando así mesmo en varias rúas as soadas fontes de ferro fundido (a da foto). E prácticamente executou toda a expansión urbana de finais de século XIX deseñando e aliñando os viais cara a Ourense, Marín, Vigo e as rúas García Camba, Riestra, Sagasta, Andrés Muruais, Andrés Mellado ou Fernández Villaverde.
Alejandro Rodríguez-Sesmero González era fillo de Domingo Esteban Rodríguez Sesmero (Medina do Campo) do que tomou vocación e profesión. Pola súa participación conxunta en varios proxectos e utilización dunha arquitectura moi identificativa, a poboación comezou a referirse a eles como “Os Sesmeros”, devindo o seu uso popular en Sesmeros.
Seu pai, Domingo Sesmero chegou a Galicia escapando dun conflito pola validez do seu título de arquitecto expedido na Real Academia de Matemáticas e Nobres Artes da Purísima Concepción de Valladolid no que se argumentaba que non pasara pola recente Escola de Arquitectura creada en 1844. Aínda que ao final lle foi recoñecida a súa validez, o seu prestixio naquelas datas quedara en entre dito, polo que decidiu emigrar a Galicia, alcanzando o posto de arquitecto municipal na cidade de Vigo en 1871. Desempeño no que continuou ata 1886 en diferentes etapas debido a unha enfermidade e onde lle axuda o seu fillo Alejandro Sesmero. Trasládase a vivir á Coruña desde onde continua realizando proxectos nas cidades de Santiago, Vigo, Pontevedra (a igrexa de San Andrés en Praceres), Cotobade, Caldas de Reis ou Tui.
O seu fillo Alejandro obtivo o título de arquitecto na Escola Especial de Arquitectura de Madrid, nun momento en que aparelladores e arquitectos dirimían sobre as competencias duns e outros e ao que –como se fora unha maldición familiar- sucedéralle algo similar ó seu pai, como se verá máis adiante.
Alejandro, ante a primeira ausencia do seu pai no seu posto de traballo debido á mencionada enfermidade, pasou a ocupar o posto de Arquitecto interino de Vigo desde maio de 1875 ata xullo de 1876, momento no que o arquitecto titular de Pontevedra, Justino Flórez LLamas pasa a ocupar definitivamente o de Vigo deixando vacante o seu equivalente en Pontevedra.
Como dun cambio de cromos se tratase Alejandro veu a Pontevedra tamén de interino e asinou durante once esplendorosos anos como Director Facultativo de Obras Municipais de Pontevedra, momento no cal unha parte da Corporación Municipal quere premialo co posto definitivo en agradecemento a tan bela reforma emprendida en todos e cada un dos seus proxectos. Pero unha parte da corporación mostra a súa oposición ao entender que está en posesión do título de Mestre de Obras e non de Arquitecto e que aínda que pode asinar para particulares, non así proxectos de obras oficiais, de uso público ou financiadas con fondos públicos, podendo aparecer, pola contra, como aparellador ou auxiliar dun arquitecto, salvo que non houbese arquitectos titulados en expectativa de ocupar a praza.
Para sorpresa de todos don Alejandro, ferido no seu orgullo, presenta a dimisión do seu cargo municipal á vez que solicita a legalización do seu título ante a Dirección Xeral de Instrución Pública, conseguíndoo ao mes seguinte. Restituído o seu prestixio e honor e por causas que se descoñece, abandona a muller e fillos e emigra a Arxentina onde o Goberno o nomea profesor na cátedra "Arquitectura e Debuxo Arquitectónico" da Facultade de Ciencias Físico-Matemática da Universidade Nacional de Córdoba, compaxinando a súa actividade docente coa realización de importantes obras. Falece o 22 de Outubro de 1913 na cidade de Córdoba.
Oficialmente a Alameda leva o nome de Arquitecto Sesmero. Logo tamén, na súa homenaxe , ten nome de rúa Alejandro Sesmero, a que se extende dende a Avenida da Coruña ata a Santiña, e discurre paralela a Manuel Murguía (preto de Pasarón).
Información sacada basicamente de Cesar Abal, do blogue Pontevedra Viva. e de Pepi González Clavijo de "Las calles de Pontevedra".
Artigo relacionado: Cambios importantes en Pontevedra de 1870 - 1900
Ningún comentario:
Publicar un comentario