Nemoral é un adxectivo que fai referencia aos bosques caducifolios. Á flora nemoral pertencen todas aquelas plantas que medran no sotobosque e polo tanto adaptadas aos ciclos de perda de folla das árbores dominantes. Corresponde, logo, a climas temperados con períodos de xeadas curtos. O bosque de ribeira, pola súa situación nas marxes dos ríos, posúe as características axeitadas para ser un dos ecosistemas que máis plantas nemorais acolle. Estas plantas son con frecuencia anuais e son as primeiras en aparecer sobre o manto de follas que deixaron as árbores despois do outono. Teñen así adaptada a súa fenoloxía á estacionalidade do ecosistema, florecendo antes da primavera e aproveitando a insolación que penetra entre as pólas das árbores. Algúns insectos teñen adaptados os seus ciclos vitais para facer coincidir a eclosión dos seus ovos co florecemento destas plantas, polo que se aproveitan, sen apenas competidores, dos recursos que ofrece a flora nemoral, que á súa vez se beneficia dos insectos ao ser polinizada. Porén, as herbáceas non son as únicas plantas que adiantan a súa floración; ameneiros, salgueiros e abeleiras botan as súas flores antes que as follas, polo que optimizan a polinización, a través do vento, cando existen menos obstáculos.
Clica na imaxe para ver algunhas
Clica na imaxe para ver algunhas
Ver díptico completo da Flora Nemoral dos ríos Galegos
Ningún comentario:
Publicar un comentario