xoves, 17 de febreiro de 2022

O Meco

 Boneco que se queima ao finalizar o Entroido

Sarmiento visitou A Siradella, O Grove, en 1745 por ser o lugar onde a tradición dicía que aforcaran a un personaxe que el coñecía desde meniño porque na procesión relixiosa do Corpo de Deus de Pontevedra representábase solemnemente a súa derrota —con carantoña / facendo o fedello / botando pernadas— a mans da Vella do Grove. O Meco —do latín moechus, adúltero, fornicador— aínda é un personaxe sobranceiro de moitos entroidos polo menos desde o s. XVII. Hai diferentes versións sobre a orixe. Uns din que era o terratenente Juan de la Meca, quen tiña por costume facer uso do dereito de pernada. Outros aseguran que era un crego luxurioso quizais párroco de san Martiño, conquistador e violador de mulleres. Un sátiro. Chegou o día en que as mulleres do Grove non o aturaron máis e entre todas captúrano e aforcano nunha figueira na Siradella. Cando a xustiza preguntou quen matou o Meco, todas as mulleres responderon: Matámolo todas! A figueira desde entón só dá figos vermellos, cor do sangue do Meco, aínda que Sarmiento asegura que a cor é consecuencia dos fríos ventos mariños. (Micromitos - O MECO - Antonio Reigosa)

Ningún comentario:

Publicar un comentario