luns, 4 de xaneiro de 2021

12 de mulleres no calendario da Agrupación A. Bóveda.

Maruja Mallo
 MARUJA MALLO: Na véspera do día de Reis de 1902 nace en Viveiro a pintora Maruxa Mallo, unha muller pioneira na plástica mais tamén na vida, unha artista que reivindica a súa condición de muller irreverente e atrevida. Pertence a ese grupo de mozas que idean a performance de ir á Porta do Sol sen sombreiro, e que acaban recibindo insultos e mesmo agresións e de aí naceu o concepto ‘sensombreirismo’. Querían ser libres e transgresoras e conquistar o espazo público para as mulleres. Realizaban accións que tiñan moito de provocación para botar abaixo a imaxe submisa das mulleres. Foi a primeira, e única, artista que expuxo nas salas de Revista de Occidente… A súa obra réndelle culto á modernidade e á independencia das mulleres, o deporte…

Filomena Mato
FILOMENA DATO: En febreiro de 1926 fina na Coruña a escritora Filomena Dato, colaboradora xa desde o século XIX en xornais como A Monteira, onde é a única muller en nómina. En defensa das mulleres, o primeiro poema explicitamente feminista da nosa literatura. É un poema reivindicativo da muller, á que se lle concede a mesma valía que ao varón. Foi a Mantedora dos Xogos Florais de Lugo en 1900 e no seu discurso avogou pola igualdade de dereitos do home e da muller, ao mesmo tempo que reivindicou a instrución para esta. Nese mesmo sentido, en 1914 asina un Manifesto dirixido ao Ministro de Instrucción Pública para que modifique os estatutos da Real Academia Española co fin de que poida acoller mulleres no seu seo

Gertrudis G.
GERTRUDIS GÓMEZ DE AVELLANEDA: En marzo de 1814 nace en Cuba a escritora Gertrudis Gómez de Avellaneda, a primeira muller proposta para formar parta da Real Academia Española. Con pouco máis de vinte anos chega á Coruña e frecuentaba a biblioteca do Real Consulado, algo mal visto por ser a única muller. Foi acusada mesmo de atea simplemente pola súa afección á lectura. No 1840 trasládase a Madrid, alí publica Sab, considerada a primeira novela antiescravista da historia, once anos antes que a popular A cabana do Tío Tom da escritora estadounidense Harriet Beecher Stowe. Nela equipara a subordinación feminina coa escravitude. É autora tamén da novela Dos mujeres, onde apoia o divorcio como solución a unha unión non desexada.

Irene Gómez
IRENE GÓMEZ BASANTA : En abril de 1928 fina, con apenas 19 anos, Irene González Basanta, a primeira muller que xoga ao fútbol nos anos vinte do pasado século, sempre xogando entre homes. Dentro do mundo do deporte Irene González Basanta representa como poucas as pioneiras, a primeira dianteira, a primeira gardameta, a primeira capitá, a primeira en xogar nun equipo de homes e a primeira que deu o seu nome a un equipo deportivo, o Irene F. C. Dise tamén que foi a primeira muller que chegou a cobrar por xogar ao fútbol, no Ortigueira F. C.


Williaming F.
WILLIAMING FLEMING: En maio de 1857 nace en Escocia Williamina Fleming, unha das mulleres coñecidas como as “computadoras de Harvard”. Esta astrónoma traballadora no Harvard College Observatory catalogou máis de 10.000 estrelas e descubriu outras 300 estrelas variábeis, ademais de novas, nebulosas e ananas brancas. En 1899, Fleming recibiu un título de Conservadora do Arquivo de Fotografías Astronómicas en Harvard, tratándose do primeiro cargo institucional que se concedía a unha muller e en 1906, logrou unha praza honoraria na Royal Astronomical Society de Londres. Williamina, que sempre contou que o seu avó nacera na Coruña na batalla de Elviña, denunciou por escrito a inxusta brecha salarial entre homes e mulleres.

Elisa e Marcela
ELISA E MARCELA: O 8 de xuño de 1901, ás sete e media da mañá, casaron na coruñesa igrexa de San Xurxo as mestras Elisa Sánchez Loriga e Marcela Gracia Ibeas. Coñecéranse na Escola de Maxisterio e comezaran a traballar como mestras, na primavera de 1901 teceron un plan: Elisa transformaríase en Mario para poder así casar con Marcela. Logo do casamento retornan á escola de Dumbría, onde os veciños identificaron a Mario como Elisa. A prensa converteu o matrimonio entre dúas mulleres nun «matrimonio sen home» e as autoridades relixiosas, xudiciais e policiais iniciaron a súa persecución, polo que se viron obrigadas a fuxir primeiro a Portugal e logo a Bos Aires.


Rafaela Hervada
RAFAELA HERVADA: En xullo de 1917 nace na Coruña Rafaela Hervada, a primeira directora dunha radio no estado español. Foi a primeira muller licenciada en Dereito na cidade da Coruña. Aínda non tiña 17 anos (marzo de 1934) cando seu pai funda Radio Coruña, onde se podía escoitar tamén a voz dunha pioneira da radio, Nieves Navarro “Aquí EAJ41, Radio Coruña”. Cando Rafaela, Palela para as amizades, chega á dirección de Radio Coruña, que viña de emitir escasas horas pola tarde e a partir das dez da noite ata as 12, empezou a emitir as 24 horas e en frecuencia modulada. A ela tamén se lle debe a aposta da radio polos informativos, e as licenzas para emitir por FM os 40 principais. Contaba Palela que en 1949, Radio Coruña asociouse á Cadena SER...

MARIA V.
MARÍA VINYAL: En agosto de 1875 nace no Castelo de Soutomaior María Vinyals Ferrés, a Marquesa Vermella. Escritora, pintora, articulista, activista social e feminista, reivindicaba a igualdade de homes e mulleres e reclamaba o dereito ao voto feminino. Está considerada como unha das pioneiras na introdución do feminismo en Galiza. Pertenceu, durante a súa estancia en Madrid, á Agrupación Femenina Socialista. Desde a prensa e en conferencias defendeu sempre a necesidade de que as mulleres recibiran educación e defendeu tamén a incorporación da muller ao mercado laboral. De ideas moi avanzadas para a época, foi Vicepresidenta da Liga Sufragista de Mujeres Españolas.


Emilia P. B.
EMILIA PARDO BAZÁN: En setembro de 1851 nace na Coruña a escritora Emilia Pardo Bazán. Está considerada como unha das precursoras do movemento feminista. Ao longo da súa obra criticou a degradación e marxinalidade da muller e expresou o seu desexo de que as mulleres puidesen gozar dunha educación e unha formación intelectual igual que a dos homes. Conseguiu derrubar algúns muros que impedían o acceso das mulleres ao espazo público: investigou nas grandes bibliotecas nacionais, deu conferencias no Ateneo de Madrid e impartiu clases na universidade. E en todas as facetas do seu traballo visibilizou os problemas femininos e as inxustizas ás que se enfrontaban as mulleres.

CELIA RIVAS
CELIA RIVAS: En outubro de 1912 nace en Fisterra Celia Rivas Casais, a primeira muller camioneira no estado español. Con apenas 19 anos chega á Coruña para sacar o permiso para conducir camións e en abril de 1932 xa está conducindo un Chevrolet de catro toneladas que transporta peixe á Coruña e Vigo. En 1936 ela e as súas irmás mercan un autobús para realizar transporte de viaxeiros, mais prodúcese o golpe de estado e o autobús é incautado. Para non perder o seu vehículo Celia ofrécese voluntaria para transportar os soldados e asígnaselle a fronte de Mérida. Este traballo feito á forza convértea, moi probablemente, na primeira muller europea que participou nun conflito bélico como transportista.

ISABEL Z.
ISABEL ZENDAL: En novembro de 1803 Isabel Zendal Gómez partiu desde o porto da Coruña coa expedición que levaría a vacina da varíola a América, a denominada Real Expedición Filantrópica de la Vacuna. Este feito convértea na primeira enfermeira da historia en misión internacional, así recoñecida pola Organización Mundial da Saúde (OMS) en 1950. Foi Reitora na Casa de Expósitos da Coruña, do Hospital da Caridade, onde se acollía as nenas e nenos abandonados e depositados no torno. Ao seu cargo e coidado ían os 21 nenos expósitos portadores da vacina para realizar as campañas de vacinación por América Central e do Sur até o sur de Chile e posteriormente en Filipinas.

OLIVIA VAL.
OLIMPIA VALENCIA: Olimpia Valencia -nada en decembro de 1898- foi a primeira muller galega en obter a licenciatura en Medicina. O seu expediente académico conta con dezanove matrículas de honra e premio extraordinario de licenciatura. En xuño de 1931, Olimpia Valencia encabeza un chamamento de apoio aos candidatos galeguistas e en xuño de 1936 asina o manifesto de apoio a favor do si no Plebiscito do Estatuto. Os dous manifestos serían asinados só por mulleres. En febreiro de 1937 foi detida acusada de pertencer ao Partido Galeguista pasando varios días presa. As represalias faríanse patentes na súa consulta a onde moita xente deixaría de asistir.

Ningún comentario:

Publicar un comentario