Deportista multidisciplinar, destacou en hóckey, atletismo, natación e esquí sendo a primeira muller do país en acudir a uns Xogos Olímpicos de inverno.
Probou todos os deportes que tivo ocasión e destacou no esquí e o lanzamento de martelo. A carreira deportiva de Margarita ' Margot' Moles, nacida en Tarrassa en 1910, terminou de forma abrupta coa chegada da Guerra Civil, pero antes tivo tempo de converterse nun referente do deporte feminino español. Multideportista, practicou hóckey, natación, esquí e foi unha das pioneiras nos inicios do atletismo feminino no país. Entre os seus maiores logros atópanse ostentar o récord mundial de lanzamento de martelo durante catro décadas e converterse na primeira campioa de España de esquí nunha competición oficial nos Xogos Olímpicos de Inverno de 1936.
Margot e a súa irmá Lucinda foron as primeiras mulleres españolas en practicar atletismo de forma profesional en Madrid, onde a familia se trasladou en 1917, e Ernestina Maenza tamén debutou con ela nos Xogos de Garmisch- Partenkirche en 1936. A súa relación cos deportes de inverno comezara oito anos antes, en 1928, cando se integrou na Sociedade Peñalara. Pouco despois, en 1930, converteuse nunha das fundadoras do Club Canoe xunto a outros mozos amantes da montaña e a natureza. Pronto comezou a adestrar cos esquiadores masculinos máis experimentados.
Como mostra unha reportaxe publicada na revista Crónica, Moles xogou ao baloncesto, o tenis, conduciu motocicletas e mesmo se interesou pola equitación. En 1931 representou a Castela no Campionato de España de Atletismo de Madrid e fíxose co título de campioa de lanzamento de disco e quedou subcampioa de peso e xavelina. No 1932 logrou a mellor marca mundial de martelo alcanzando os 22,85 metros e a marca permaneceu imbatida a nivel mundial ata 1975. Máis tarde, entre 1929 e 1934, bateu en cinco ocasiones o récord de España en lanzamento de disco. O seu equipo de hóckey foi o Atlético de Madrid, onde xogou como defensa central e foi a capitá en 1934 e 1935, anos nos que resultaron campioas de España.
A Guerra Civil.
Moles traballou como profesora e impartiu clases de ximnasia e deporte ata o golpe de estado en xullo de 1936, e durante a guerra tivo que retirarse do traballo e dedicarse a bordar roupa. As mulleres quedaron apartadas do deporte e en 1939 o franquismo prohibiu o atletismo ás mulleres co argumento de que as masculinizaba. Pouco despois sufriu o fusilamento do seu marido, Manuel Pina, quen foi asasinado nas tapias do cemiterio da Almudena, en Madrid en 1942. Ambos se coñeceron esquiando coa Sociedade Peñalara.
Moles, quen se mantivo a favor da República durante toda a súa vida, só empezou a ser recoñecida anos despois da ditadura, faleceu en Madrid en 1987 e conta cun polideportivo co seu nome en Vicálvaro. En 2017 Ignacio Ramos recolleu a súa biografía no libro ' Margot Moles, a gran atleta republicana'. «Contribuíu de maneira fundamental á liberación da muller no deporte. Coa súa irmá Lucinda foi a primeira en practicar atletismo no país, popularizou a natación feminina en Madrid...», enumera a súa contraportada. (Artigo de Judith Romero no xornal "O Correo Galego" e traducido ó galego por A. F. M, responsable deste blog).
Ningún comentario:
Publicar un comentario