sábado, 9 de outubro de 2021

As sete de Edimburgo

As Sete de Edimburgo foron o primeiro grupo de mulleres universitarias matriculadas nunha universidade británica. Comezaron a estudar medicina na Universidade de Edimburgo en 1869 e, a pesar de que en última instancia se lles impediu tanto graduarse como converterse en médicas, lograron captar a atención nacional e conseguiron numerosos apoios, entre eles o de Charles Darwin. O dereito das mulleres a unha educación universitaria pasou a formar parte da axenda política do país e, en 1876 aprobouse unha lei que amparaba e aseguraba o dereito das mulleres a estudar medicina na universidade.

O grupo tamén recibe o nome de Septem contra Edinam (“As Sete contra Edimburgo”, termo inspirado no mito grego de “Os sete contra Tebas”). Aínda que durante os catro anos de campaña algunhas das sete integrantes orixinais marcharon e outras novas incorporáronse, considérase que As Sete de Edimburgo son: Sophia Jex-Blake, Isabel Thorne, Edith Pechey, Matilda Chaplin, Helen Evans, Mary Anderson, Emily Bovell. Estes nomes figuraban na petición feita o 15 de novembro de 1869 ao Royal Infirmary, solicitando a súa admisión en Medicina. Todas elas aparecían no Rexistro de Estudantes de Medicina do CMX (Colexio Xeral de Médicos) entre 1869 e 1870 como estudantes bona fide (de pleno dereito), e esixíuselles recibir instrución clínica no "Infirmary" para así cumprir cos requisitos necesarios e obter o título.

En 2019, con motivo do 150 aniversario da matriculación das sete de Edimburgo nesta Universidade, a Facultade de Medicina rendeulles unha merecida homenaxe. Entre outros, outorgoulles o título honorario póstumo de  MBChB –licenciadas en medicina e cirurxía–. Sete estudantes nesa Facultade – Simran  Piya,  Megan  Cameron, Ela  Crowther,  Caitlyn Taylor, Sorna  Paramananthan,  Mei  Yen  Liew e  Izzie  Dighero– recibiron os certificados no seu nome.

Ningún comentario:

Publicar un comentario