"Este conto está en moitas culturas de Europa e eu nunca o atopei contado enteiro por unha mesma persoa. Pero si, como os contos populares, é despezábel e cachos del aparecen no medio doutros contos e historias, polo que se pode ir compoñéndoo a partir desas pezas. Un conto de cando alguén estaba confinado na casa. Contaba miña avoa que cando nunha casa nacía un rapaz e non saía ben desenvolto había moitas posibilidades de que non o deixasen saír, por medo á xente de fóra, de que se metesen con el, a que abusasen del. Isto pasoulle ao rapaz do conto, que non saíu da casa até os 18 anos. Cando fixo os 18, abriu unha ventá e viu tan bonito todo que dixo: "Miña nai, eu voume, quero ver mundo!". E dixo a nai: "se o tes tan claro, vaite pero antes ímolo celebrar". Para celebralo, mataron unha ovella e guisárona. Acabado o banquete el insistiu: "Miña nai, eu voume". E díxolle a nai: "Levas cartos?", "Non levo", recoñeceu o rapaz. "E de comer?", "Tampouco", respondeu. "Pois douche eu para que ti leves". E a nai doulle 8 metros de tripas de ovella. "E como levo isto?", preguntou o rapaz. "Envólveas no teu corpo e cando teñas fame, comes un anaquiño". El envolveunas por baixo da roupa e atounas ben atadas. "Voume", dixo. "Vaite, pero... cando atopes alguén ti sabes que dicir?", preguntou a nai, pois o seu fillo nunca saíra da casa. "E que digo?": "Pois cando topes alguén dille. "Que deus a axude". O rapaz marchou e non topou ninguén até pasadas dúas horas. E non atopou unha, senón que topou dúas persoas, que estaban a regar un prado por quendas e que discutían por quen regaba antes, póndose a pelexar entre si. O rapaz ficou mirando para eles sen saber que facer nin que dicir. Entón, os que pelexaban preguntáronlle que facía alí. E el respondeu o que lle aconsellara a súa nai: "Que deus os axude". E entón estes 2 batéronlle. "Por que me pegan?". "Ti es parvo, tiñas que dicir que deus nos separe". Marchou de alí o rapaz e en-trou na aldea por onde estaba a igrexa, onde había unha voda. Tanta xente a mirar para el e púxose nervioso e dixo: "Que deus os separe". E todos empezaron a insultalo e a pegarlle. "Por que me pegan?", "Ti es parvo, por dicir que deus nos separe". "E que tiña que dicir?" "Que deus nos aumente". Marcha o rapaz e seguiu pola aldea e atopou un mozo nun banco coa perna desfeita, chea de graos. E el, por ser educado, saudou cun "Que deus os aumente". O outro, como non, bateulle. "Pero que dixen mal agora, que tiña que dicir?", "Ti es parvo, pois que nin naza nin reverdeza". Fuxiu de alí e continuou a viaxe, pasando agora por unha leira e había un home labrando nos cebolos e saudouno cun "nin nazan nin reverdezan", e choveron outra vez os golpes: "Ti es parvo". Tivo que media volta mentres o perseguía e volveu pasar por onde estaba o da perna, que se uniu á persecución, o mesmo que fixeron os da voda e tamén aqueles dous do prado. Máis de 300 persoas a correr tras o rapaz. El corría e non aguantaba máis, pois polas tripas que levaba atadas a redor do corpo non daba respirado. Correndo, chegou a unha casa cunha vella que afiaba o coitelo da matanza. Desabrochou a camisa e co coitelo que colleu da señora cortou as tripas que o afogaban, respirou fondo e continuou a correr como unha faísca. Aparecen entón os que o perseguían preguntaron á vella por el. Ela contoulles: "Chegou aquí, cortou a barriga e arrancou as tripas e así quedou máis lixeiro e marchou correndo moito máis rápido". "Pois a nós non nos engana" dixeron 300 perseguidores, que dito tal sacaron de coitelos e navallas e abríronse as barrigas e alí caeron mortos. E ao final quen é o parvo?"
Celso Martín (Nós Diario)
Ningún comentario:
Publicar un comentario